Ás veces esquecemos que os orzamentos reflicten a situación económica da sociedade. Unha depresión económica reduce os recursos públicos, e o crecemento os incrementa. E os recursos públicos increméntanse ou diminúen máis que proporcionalmente porque o noso sistema tributario contén elementos de progresividade; o que explica a necesidade de recorrer ao endebedamento cando en recesión se quere atenuar e reverter a crise económica mantendo o gasto público (ou reducíndoo menos do que cae a recadación).
Os Orzamentos que a Xunta acaba de entregar para o seu debate e aprobación no Parlamento de Galicia reflicten a situación económica de Galicia. E contradín unha oposición que leva anos predicindo o afundimento total da nosa economía. O gasto público increméntase á vez que se manteñen as reformas fiscais que alixeiran a contribución das familias con menos recursos; e sen que iso supoña un incremento significativo do endebedamento. Como consecuencia, o proxecto cumpre á vez varios obxectivos. Un maior gasto, sobre todo social, permite ir trasladando a recuperación a quen máis sufriu as consecuencias da crise. A contención da débeda no pasado permite incrementar os investimentos para potenciar a capacidade produtiva e exportadora do país. E a positiva evolución da actividade e do emprego posibilitan o mantemento das medidas fiscais redistributivas aprobadas na pasada lexislatura, que á súa vez teñen un efecto expansivo da economía ao permitir ás familias un maior consumo e aforro.
En definitiva, a suma dunha tributación máis progresiva que reduce as cargas ás familias de rendas e riqueza media e baixa (que son a inmensa maioría das familias galegas) e un maior gasto en salarios públicos, en prestacións sociais e nos investimentos dan como resultado uns orzamentos dobremente expansivos, polo lado dos ingresos e polo dos gastos, que reflicten a boa saúde dunha economía en crecemento e converxencia.
Unha economía que supera a peor crise que ningún cidadán galego vivo poida recordar, e que permite consolidar un crecemento san e a sostibilidade do sistema de benestar.